lunes, 21 de mayo de 2012

Ocurrirá o milagro?

Parece que non só en España estamos indignadas.
Todo o mundo está indignado e México, evidentemente, non é unha excepción.
Despois de 80 anos de monopolio priista, isto é, despois de 80 anos do Partido Revolucionario Institucional (a dereita mexicana) que estivo mantendo a cadeira presidencial dos Estados Unidos Mexicanos desde o ano 1929 ata o 2000 e despois de que o relevase no poder o PAN, Partido de Acción Nacional (de centro dereita), cunha liña totalmente continuísta e de turno, despois disto, no ano 2006 parecía, ata o reconto do 70% das papeletas, que Andrés Manuel López Obrador (AMLO), candidato da esquerda, ía gañar por vez primeira as eleccións méxicanas despois dun século de políticas pouco favorables ao común dos mortais (por dicilo finamente).


Pero non foi así. Tal e como vedes na seguinte gráfica, extraída da marabillosa wikipedia, a partir do 70% do reconto, o PAN comezou a subir asombrosa e misteriosamente ata superar a AMLO e conseguir a presidencia cun escaso e, novamente, misterioso 0,54% dos votos.

Moitas mexicanas e mexicanos non acreditaron esta victoria do PAN. Pucherazo en toda regra?? Eu supoño que hai moitos intereses que perder tras 80 anos.

Este ano hai novamente eleccións en México e a xente está moi fartiña. Nótase nas rúas e en todos lados. A semana pasada houbo unha protesta estudiantil, dunha universidade "de paga" nun mitín do candidato do PRI e este partido, con todo o seu poder mediático quixo ocultalo e enganar á xente, mais non contaban coas redes sociais. Por vez primeira os fillos e fillas da xente poderosa do país non apoia, publicamente, ao PRI. Os e as estudantes da protesta, 131 concretamente, fixeron un video que se moveu polas redes sociais informando de que eran estudiantes desa universidade tan potente e que estaban en contra da política de turno do PRI e do PAN e convocaron a varias marchas durante esta semana pasada e esta que acaba de comezar co lem: "yo soy el 132" e están a ser un éxito aínda que non sae en ningún medio de comunicación.

E como tampouco saen as marchas populares en apoio a AMLO que, como non ten capacidade mediática, leva os úlitmos 6 anos percorrendo o país enteiro, municipio a municipio, falando coa xente, recollendo información, escribindo libros nos que conta como vai levar a cabo cada unha das súas propostas, entre elas declarar México libre de transxénicos (casi na), e facendo política doutro xeito. David contra Goliat.

Pero a xente parece que responde. Onte estiven nunha marcha a favor de AMLO en Xalapa. Había motísima xente aguantando unha calorina de aupa sen parar de berrar e animando, dando enerxías e denunciando a situación. As mexicanas, os mexicanos, están fartas de tanto mangoneo, iso creo eu e por iso están a saír á rúa, para dicir que xa está ben, que están indignadas, que sexa como sexa, queren conseguir o milagro.

Xente de todo tipo, clases, cores.... estaba na rúa. Transmitindo esperanza, coraxe e boa onda.
E necesitan que se fale, que se sepa, que os grandes medios de comunicación que non os apoian non sexan a única forma de expresión. Por iso vos conto todo isto. Penso que é moi importante. Así que... a loitar!!




1 comentario:

  1. En todolos lados cocen fabas, ainda que na nosa casa sexa a caldeiradas.
    Biquiños, "manita".

    ResponderEliminar