miércoles, 4 de julio de 2012

hoxe, cedo a palabra...

Comecemos cunha evidencia: isto é unha usurpación en toda regla... consentida pero usurpación ao fin e ao cabo... un paréntese na crónica de Lubián a Coatepec onde se infiltra unha subcrónica de Marín a Coatepec...

Supoño que en calquera lugar do mundo habería moito que contar no trascurso dunha semana e media, mais, en México, asegúrovos que hai moito máis... Porén, deixaremos para outros artificios literarios as peripecias dun marinense (acompañado dunha loba-louxeira) nos primeiros días no estado de Veracruz e centraremos a nosa atención nos acontecementos dos últimos días onde a cidade de México e as eleccións xogaron un papel protagonista.

O xoves 28 chegamos a DF sobre o medio día para, nada máis pisar Tenochtitlan, ou algunha beirarrúa que non debía quedar moi lonxe do que no seu momento foi a capital do imperio azteca, comer unha pizza... é o que ten escoller como "residencia" un dos barrio máis "pijos" da cidade (que tamén máis tranquilos e paseables...).

O caso é que este primeiro día deunos para pasear polo centro, coñecer o inmenso Zócalo e pillar unha molladura considerábel (as tormentas do verán...). Un primeiro contacto cunha cidade chea de xente, comendo a todas horas na rúa (tacos, tortillas, quesadillas e outras moitas cousas que non sei como se chaman), vendendo de todo, berrando e sobrevivindo a un tráfico que, segundo contan os nativos, mellorou moito nos últimos anos (non quero pensar como era antes...). Unha cidade que, ao contrario da imaxe que nos chega frecuentemente, quizia sexa a máis segura do país...

O primeiro acto fora prometedor e o segundo tampouco se quedou atrás. O venres visitamos as pirámides de Tenotihuacan, a uns 30 km. de DF. (Dous parénteses: o primeiro, cometimos un pecado de guiris, contratamos o transporte con guía dende o mesmo hotel... ademais da chasta que custou, tocounos comer no restaurante máis turístico da zona, con mariachis incluídos...; o segundo, o noso guía, un tipo majete, igual que outras persoas que atopamos, era neto de exiliados españois, unha colonia seica ben importante na cidade). As pirámides e toda a zona do xacemento é impresionante; sería un atrevemento tentar sequera contarvos as sensacións así que deixámovos tan só as fotos...

Como o tema engancha, ao día seguinte empregamos toda a mañá en empaparnos das culturas azteca e maia; dúas das 12 salas do inmenso museo antropolóxico ao que un sempre queda con ganas de voltar, pola cantidade de cousas que quedan por ver. Como tiñamos o día cultureta, pola tarde fixemos unha visita á casa museo de Frida Kalho, en Coyoacán (outro barrio bohemio da cidade), previo paso polo metro de DF... un metro no que fumos capaces de entrar unha vez pero xa non dúas... dicir que había moita xente é quedarse moi, moi curto...

E chegou o domingo, o día das eleccións presidenciais. E nós, como bos guiris, ademais de admirar a paciencia das electoras/es, que facían quilométrica colas para votar nas mesas sen adscrición (noutro post contamos todo o lío organizativo-mafioso dunha xornada electoral en México...), visitamos o Templo Maior, oculto parcialmente pola catedral (non vaia ser...) e os murais de Diego Ribera no museo de belas artes (vai foto para que poidades admirar o pedazo de mural do amigo Diego; foi o que lle escarallaron no centro Roquefeler por demasiado filocomunista; refíxoo...).



A volta a Coatepec coincidiu cos primeiros resultados dos sondeos das eleccións e a confirmación dun fraude dunhas dimensións difíciles sequera de imaxinars... Compo Paulita xa me está a botar a bronca por enrollarme moito o próximo día detallamos todo o que estamos a ver sobre o pucherazo do PRI...

2 comentarios:

  1. Val dos Marcos chamando a Coatepec....
    Sodes uns golfiños, non convidades a nada. Eu tampouco vos ei de dar dos meu rexóns.
    Bicos os dous.

    ResponderEliminar
  2. encantame poder leros eiqui!
    cantas aventuras, cantas cousas, que ben todo, moitos bicos e seguide disfrutando!

    ResponderEliminar