viernes, 13 de julio de 2012

A dúas mans


Cando cheguei a México había cartaces políticos enormes que cubrían edificios coa imaxe do marido dunha das actrices de telenovela máis famosas do país. Esa da que falan agora os medios, máis famosa que el e igual de mezquina.
Segundo foron pasando as semanas, os cartaces multiplicáronse, a presenza do PRI na rúa foi medrando, os escándalos de compra de votos, de cambio de credenciais por tarxetas a crédito… o abuso de poder, en definitiva, foise facendo tan evidente, que costa moito traballo entender como algún xuíz é capaz de negar esta evidencia. A pobreza e a miseria é a que fai que poderosos políticos, ás ordes de multinacionais e de narcotraficantes, queiran impoñer o seu goberno en México, tildando todo o proceso de democrático, cando non o é.
Certo é que as comparacións son odiosas, non imos discutilo, mais, co fin de dar comezo á secuencia de aparentes contradicións, imos tirar da comparativa entre países para situarnos nas proximidades do que se quere contar…
De seguro que todas ouvistes falar ou tivestes a oportunidade de presenciar acontecementos electorais coma a carretaxe de votos, unha tradición ben arraigada no noso país; a compra de vontades, directa, con cartos, ou indirecta, con favores, postos de traballo ou semellantes; a intimidación no exercicio do voto ou a malversación de cartos públicos en prol dun determinado partido político. Non nos esquecemos tampouco do papel que, por norma xeral, xogan tamén as elites empresariais, coa súa “delicadeza” á hora de amosar a súa opción de voto, ou a decidida aposta que fan a meirande parte dos medios de comunicación “supostamente” imparciais…
Ben, tentade xuntar todo isto na cabeza e, cando o teñades, multiplicádeo por dez… e aínda así a comparativa con México resulta case que grotesca…
Na historia recente de México, a que é graciosamente caracterizada como “democrática”, esta é a terceira vez que os poderes fáticos mexicanos evitan a chegada do centro-esquerda ao poder despois dos fraudes de 1994 (con Coatemoc Cárdenas como candidato) e 2006 (con Andrés López Obrador á cabeza, como agora…). As tácticas empregadas foron semellantes ás arriba sinaladas só que cunha desvergonza, un clima de medo e un grao de violencia difíciles de soportar.
O resultado foi outra vez o planificado. O Sr. Peña Nieto, candidato do PRI, autoproclamouse novo presidente antes de que saíran sequera os primeiros resultados oficiais. Porén, curiosamente, agás no multitudinario espectáculo organizado na noite electoral, non se ven mostras de satisfacción nas caras das/os mexicanas/os; todo segue igual, ou non. A gran diferenza quizais sexa o traballo que está a realizar moita xente, ligada ou non ao movemento 132, en recompilar irregularidades, revisar os conteos das furnas, aportar probas sobre compras de votos, etc. Estase a facer un enorme esforzo en visibilizar o fraude, quizais esta sexa a gran diferenza respecto doutras veces.



As/os mexicanas/os coas que puidemos falar, que están a participar de todas estas accións, están convencidas/os de que algo está a cambiar, que algo vai acontecer, aínda que non saiban moi ben o que nin como.
O certo é que as súas reivindicacións son tamén as nosas. O certo é que quizais cómpre reescribir aquel berro de “proletarios del mundo unídevos!” e convertelo en “INDIGNAD@S DO MUNDO, UNÍDEVOS!”



 

No hay comentarios:

Publicar un comentario