lunes, 11 de junio de 2012

DF ou 132

Viaxei ao DF. Unha loucura de máis de catro horas de viaxe cheo de rebases de carros a toda velocidade por estradas con dobre liña contínua na que tes que botarte a un lado para deixarte adiantar aínda que polo outro carril tamén o estean a facer... Estradas con curvas de dous sentidos pero de paga... así é México.
Pero chegamos a ese lugar que, non sei se pode ser así definido xa que o termo lugar a min inspírame algo moito máis concreto do que é este monstruo de casas de ladrillos de formigón que se estenden polas ladeiras dos montes que conforman o val de México, poboado por máis de vintecinco millóns de persoas que compran, venden, piden, andan, corren, respiran e xeran lixo.

Vindo eu dun lugar como Lubián... podedes imaxinar o que pensaba, os sentimentos que me viñan de cara a atoparme cunha megalópolis destas dimensións por vez primeira na miña vida, pensei que ía sentir medo ou desacougo cando menos, pero nada máis lonxe da realidade. É unha cidade marabillosa, chea de cores igual que todo o país, chea de opcións, de lugares, de bares e tabernas, de mezcalerías (Xosé lembreime moito de ti tomando mezcalito oaxaqueño). En fin, sons, ruídos, luz e contaminación, que máis se pode pedir: zumes de piña e laranxa que refrescan o calor que se vive nesa cidade.




Pero máis que iso, máis que a cidade foi a fin de semana das emocións.... cheguei directa á praza de Belas Artes, no corazón da cidade de México onde había unha convocatoria a modo de fandango reivindicativo en contra da manipulación política dos medios de comunicación. O movemento 132 do que xa vos falei, alí sigue, loitando, animando e divertíndose ao tempo que pide un México máis libre e democrático. Unha xeración de xente nova e sen medo.



O domingo unha inmensa marcha de xente, de cores e de sons, taponou o centro da cidade para dicir que xa está ben de manipulación, que xa está ben de corrupción e de mortes violentas. Que xa están fartas de tanto aturar.



Entre milleiros e milleiros de persoas estaba eu, alucinada e sentindo a emoción desta xente que busca un cambio de rumbo nun país no que hai unha porcentaxe moi significativa da poboación por debaixo do umbral da pobreza e no que, porén, aparecen tres das fortunas máis importantes do mundo. No que o 26% do orzamento do funcionariado público está concentrado no 3% dos altos cargos. No que a violencia está á orde do día. No que a represión policial está latente e chega a tódolos lugares. Nun país que ten ganas de saír de todo isto e que espera que o un de xullo sexa un día para a esperanza.




E para escoitar os seus cantos e a súa alegría: Fuera Peña!! Non queren saber nada dese galán de telenovelas trasnoitadas que pretende seguir coa liña política acomodándose ao discurso escrito que a xente quere escoitar en cada momento, un tipo insípido que ten que agocharse nos baños da universidade porque non é capaz de darlle resposta ao alumnado que lle esixe políticas de cambio. Fuera Peña!! Viva un México libre sen PRI!








2 comentarios:

  1. Levan así desde antes de Pancho Villa e Zapata. Quen sabe se non serian os españois os que le ensinaron! Bicos. Volve pronto que xa hai tomates.
    Por certo a ver se eres quen de traer algunha semente de tomate e de pemento.O mellor danse na Porteliña.

    ResponderEliminar
  2. Creo que levar sementes é algo ilegal, pero miguel di que podemos... deixa que chegue e pase pola aduana a ver que pensa despois, je, je.

    Por certo que dos teus saíron dous que xa teñen dous tomatiños verdiños na nosa terraza!!!

    Recolleremos a semente para o ano que vén.

    bicos

    ResponderEliminar