Carmen chegou por vez primeira ao DF e casualmente fíxoo a mesma praza á que cheguei eu. Nesa praza de Belas Artes, nese intre espazo-temporal estaba acontecendo outro fenómeno social tan intenso ou máis ca o que está a suceder agora. Carmen chegou por vez primeira á praza de Belas Artes onde había unha concentración de persoas labregas reivindicando os seus dereitos, da mesma maneira que o fai agora a mocidade do 132. Pedindo terras e pedindo liberdade. Esixindo dignidade, nunha palabra.
Carmen fala tamén de cores, de xentes, de cheiros e de emocións. Fala da sorpresa de descubrir un DF rico en todo iso, un DF repleto de persoas sen medos. E deixo esta mensaxe aquí da súa parte. México está cheo de individuos e colectivos sen medo, con ganas de cambiar e de facer as cousas doutro xeito.
Quería compartir con vós as súas reivindicacións actuais, e fareino do mellor xeito que se me ocorre, compartindo a súa música:
Na cidade de México hai un Alcazar.... ou eles lle chaman así, a min non me tiña moita pinta de alcazar tal e como eu o entendo, pero ás veces o importante non é o substantivo se non o concepto (aquí ás faias son arces e quen sabe que máis cousas). Está no medio dun enorme parque do centro mesmo da cidade. Alí arriba, no edificio hai unha bonita exposición na que ver como viviron os jerifaltes deste país ata hai ben pouco. O seu último inquilino, don Porfirio. Alí está a súa cama, o seu carruaxe, os seus salóns e... o seu cuarto de baño:
Moi moderno me parece e de moito luxo para a época, mais quen sabe o que un ser de ego precisa para sentirse ben...
E camiñar polas súas rúas cheas de xente que non sei onde vai. Algunha vai con moita presa, outra simplemente pasea e, a maioría, vende. Vale calquera cousa e ti decides se queres ou non mercar. A xente de aquí non resposta que non se non quere. Pode dicir cousas como: a la vuelta compadre ou tamén esta te la voy a tener que deber amiga. Pero é moi raro un non absoluto, por iso as respostas que poden saír da miña boca, quizais poidan non sonar moi ben. Agora estou traballando niso... non é tan fácil.
E cheo de xente, local ou turista, vaias a onde vaias hai que esperar ou correr para non perder o vagón do metro, para tomar un bus urbano ou simplemente para tomarlle algo por aí. Porque hai que ter en conta que vinte e cinco millóns de persoas non caben en calquera lado, aínda que ese lado semelle infinito.