lunes, 28 de mayo de 2012

de frores e músicas

México é o país da biodiversidade. É rico, moi rico. Todo ao meu redor é verde, grande e diferente. Plátanos, arces, acacias, enormes fentos arborescentes... ata carballos que aquí chaman encinos. Todo é natureza grande, mesta e colorida. Alí hai aves, roedores, grandes mamíferos e pequenas bolboretas.
E que máis se pode pedir, ao lado dunha fermosa e xigantesca caída de auga de máis de cen metros... e eles din que vén pequena porque aínda non comezaron as choivas, pequena si, pero cae ben.

Pero México é grandioso e ante tal deleite da nai gaia aparecen pequenos postos para dar de comer e beber ás xentes agotadas de caminatas e de nadar en albercas de augas frías. E restaurantes, neste lugar fermoso e distante, nun lugar cheo de riqueza, alí mesmo, un restaurante quería chamar a súa atención e, da mesma forma que eu esperto tódalas mañás coa alegría do regetón do ximnasio de debaixo da miña casa, os donos decidiron romper o misticismo do lugar a través dos seus altofalantes, pero non só co reguetón, alí estaba sonando "pasodoble español". Y olé por eles....

Esta que vistes, é a cascada de Texolo, en Xico, un municipio moi próximo a Veracruz, onde, por certo cómese un rico mole. E estes foron os meus acompañantes, Gerardo e Rodrigo:



jueves, 24 de mayo de 2012

Dende a miña casa

Cando cheguei a Coatepec marabilloume o colorido das súas rúas. Todas as casas están pintadas de cores que lle dan ao lugar un toque tan alegre que me despertou os sentidos, tal e como vos contei na primeira intervención deste blogue.
Na miña casa fai calor, hoxe máis que nunca e nin siquera dende a terraciña podo escapar.
Alí, na terraza lavo a roupa e téndoa despois, fágoo polas mañás antes de ir a traballar, porque aquí a partir das sete non durme ninguén. O ximnasio que teño debaixo pón en marcha a todas esas mulleres a primeiriña hora e, cando volvo a tarde, seguen a bailar, berrando e contentas, acompasadas.
A miña casa non é moi bonita...pero dende ela vese o cerro das culebras ou Coatepec se o dicimos en náhuatl ou mexicatlahtolli. Noutra ocasión falaremos máis polo miúdo deste cerro.


E a luz, canta luz hai aiquí, e máis agora, nestes días tan quentes nos que non baixa a néboa e o sol é branco e intenso, tanto que fai que ata as frores parezan doutra cor, aínda que ben sei que son as mesmas que temos alá: xeranios, pensamentos, etc, agás, claro está, das orquídeas, das que tamén vos contarei (prometido César).
En Coatepec están todas as casas pintadas de cores, gústanlles as cores, e hai dúas igrexas grandes no centro e o edificio do Concello, amarelo, imponente.
As torres da igrexa vense dende a miña terraza. Gústame velas por riba dos telladiños das casas baixiñas nas que viven estas xentes.

















E que me dicides da miña neveira, ata os pexegos saben diferente!!



Bo proveito!!




lunes, 21 de mayo de 2012

Ocurrirá o milagro?

Parece que non só en España estamos indignadas.
Todo o mundo está indignado e México, evidentemente, non é unha excepción.
Despois de 80 anos de monopolio priista, isto é, despois de 80 anos do Partido Revolucionario Institucional (a dereita mexicana) que estivo mantendo a cadeira presidencial dos Estados Unidos Mexicanos desde o ano 1929 ata o 2000 e despois de que o relevase no poder o PAN, Partido de Acción Nacional (de centro dereita), cunha liña totalmente continuísta e de turno, despois disto, no ano 2006 parecía, ata o reconto do 70% das papeletas, que Andrés Manuel López Obrador (AMLO), candidato da esquerda, ía gañar por vez primeira as eleccións méxicanas despois dun século de políticas pouco favorables ao común dos mortais (por dicilo finamente).


Pero non foi así. Tal e como vedes na seguinte gráfica, extraída da marabillosa wikipedia, a partir do 70% do reconto, o PAN comezou a subir asombrosa e misteriosamente ata superar a AMLO e conseguir a presidencia cun escaso e, novamente, misterioso 0,54% dos votos.

Moitas mexicanas e mexicanos non acreditaron esta victoria do PAN. Pucherazo en toda regra?? Eu supoño que hai moitos intereses que perder tras 80 anos.

Este ano hai novamente eleccións en México e a xente está moi fartiña. Nótase nas rúas e en todos lados. A semana pasada houbo unha protesta estudiantil, dunha universidade "de paga" nun mitín do candidato do PRI e este partido, con todo o seu poder mediático quixo ocultalo e enganar á xente, mais non contaban coas redes sociais. Por vez primeira os fillos e fillas da xente poderosa do país non apoia, publicamente, ao PRI. Os e as estudantes da protesta, 131 concretamente, fixeron un video que se moveu polas redes sociais informando de que eran estudiantes desa universidade tan potente e que estaban en contra da política de turno do PRI e do PAN e convocaron a varias marchas durante esta semana pasada e esta que acaba de comezar co lem: "yo soy el 132" e están a ser un éxito aínda que non sae en ningún medio de comunicación.

E como tampouco saen as marchas populares en apoio a AMLO que, como non ten capacidade mediática, leva os úlitmos 6 anos percorrendo o país enteiro, municipio a municipio, falando coa xente, recollendo información, escribindo libros nos que conta como vai levar a cabo cada unha das súas propostas, entre elas declarar México libre de transxénicos (casi na), e facendo política doutro xeito. David contra Goliat.

Pero a xente parece que responde. Onte estiven nunha marcha a favor de AMLO en Xalapa. Había motísima xente aguantando unha calorina de aupa sen parar de berrar e animando, dando enerxías e denunciando a situación. As mexicanas, os mexicanos, están fartas de tanto mangoneo, iso creo eu e por iso están a saír á rúa, para dicir que xa está ben, que están indignadas, que sexa como sexa, queren conseguir o milagro.

Xente de todo tipo, clases, cores.... estaba na rúa. Transmitindo esperanza, coraxe e boa onda.
E necesitan que se fale, que se sepa, que os grandes medios de comunicación que non os apoian non sexan a única forma de expresión. Por iso vos conto todo isto. Penso que é moi importante. Así que... a loitar!!




sábado, 19 de mayo de 2012

A huevo!! ou chingue me lleve!!

Como nos comunicamos?? Esta é unha gran pregunta da que levamos falando Emilia (a persoa que me está acollendo como se fora da miña familia...e por se le isto aproveito para darlle mil graciñas) e mais eu desde que cheguei.
A pesar de falar o mesmo idioma, rimos, rimos moito porque hai palabras moooooi diferentes, ou as mesmas con significados moi distintos.
Por iso hoxe aprendín estas dúas novas expresións: a huevo!! recomendada enormemente por Caro, outro gran contacto mexicano do que seguro que ides ter máis novas. Este termo non signifca o mesmo que na lonxana iberia, non. É unha expresión ben positiva que se di cando logras algo e hoxe aprendina a utilizar cando conseguín mercar (non a un prezo moi popular e cunha pegada ecolóxica bastante elevada...) un aceite de oliva tragable para poder descansa, de vez en cando, dos condimentos mexicanos que mancaron algo o meu estómago durante esta semana. Vin a botella no estante, acerqueime, vin que era unha marca que recoñecía e que era virxe extra e... a huevo!!! (safada!!)
Pero, cousas de persoas con acceso a tarxetas de crédito, tentei pagar a miña compra (necesitaba algunhas cousiñas máis) coa miña flamante visa recén estrenada, contratada específicamente para a ocasión (xa que as comisións bancarias son... non vos facedes unha idea, case levo gastado neso tanto como no resto de cousas... en fin) e chingue me lleve, güei!!, non me acepta, por segunda vez, a miña flamante visa elctrón super moderna que te cagas!!!
O verbo chingar, seica é tan recoñecido que ata un diccionario sobre chingaderías atopamos, tanto que se usa neste país...
Esa é a diferenza exacta entre estas dúas fermosas expresións do México profundo, utilizadas e cedidas amablemente por Emilia e Caro, na fugaz visita de achegamento a Xalapa, que mañá coñecerei máis en detenimento e da que recibiredes boa información xa que pinta moi, pero que moi ben. Máis cores,cheiros e sabores... seguirei informando.
Aquí vos deixo unha imaxe destas dúas compañeiras que me están acollendo con tanta alegría, paciencia e simpatía.
Preséntovos a Emilia e Caro:


jueves, 17 de mayo de 2012

Imaxina semellante bofetada de calor que semella mesmo lume... xa me dixeran, todo o mundo, -alí hai calor e máis calor, mais eu pensei que aqueloo era o motor do avión... imaxina,
Imaxina o que se sinte cando es dunha aldeiña de serra, de f´rio e de choiva, cando nunca vías a posibilidade de facer unha viaxe nestes termos... imaxina.


Abro os ollos con todo, sáeme o sorrios con todo, porque todo é diferente, ata o cotiá.

Hai unha chea de cores, tódalas que podes imaxinar, por todas partes. Cor. Si, haina, están adorntando igrexas, prazas, tendas, roupas, patios, casas,...
Hai cheiros, moitos e diferentes, algúns que nunca sentira, picantes, doces, amargos e húmidos. De calor e de chioiva, de coches e de xentes, de herbas e de frores.
E, moito máis, hai ruído, moitas voces, moita música, moitos carros e camións, autobuses e máis coches.
Hai xentes, seica descenden dos olmecas que, seica se mesturaron despois con outras xentes europeas. Hainas altas, baixas, gordas, fracas, morenas, brancas; pero sobre todo, amables, alegres e colaborativas.
Hai sabores a mil froitas de cores, a frijoles, a picante e a doce.
Hai ritmo desde primeira hora da mañá.
Hai monte, hai árbores e orquídeas en todo lugar onde cheguen os ollos.
Hai devoción, igrexas cheas de xente un xoves ás sete da tarde e tres curas dirixindo.
Hai néboa e choiva á noitiña que refresca a calor da mañá.
Hai jaranas e outros instrumentos, xente que canta acompañando o seu son e lembrando os cantos populares de veracruz aos qu eaínda non tiven tempo de lles aprender o nome.
E hai aroma a café...mmm e a todo o que me queda por descubrir...